Opinión

Felicidade e violencia de xénero

Sábese que ter un fillo é a maior felicidade do mundo (aínda que hai algúns que, cando os teñen, úsanos de escudos ou escusas para facerlle dano ó cónxuxe, ata chegar incluso ó propio asasinato dos mesmos, a convertelos en vítimas). A médica luguesa Lina Álvarez está máis que orgullosa por ter unha filla ós 62 anos. Por un lado entendo a súa felicidade, pero polo outro... Xa unha vez comentara algo dunha italiana pola súa descendencia a tantos ou máis anos de idade, coa que non estaba de acordo. Repito, entendo a súa felicidade; pero eu sempre vou un chisco máis adiante do propio nacemento. Sempre poño como tope uns 10 anos máis. Porque unha criatura, con 10 anos, está na flor, no auxe dos seus xogos. A muller que pariu con 62 anos, se lle sumamos 10 máis, acada 72. E pregunto eu se unha muller (ou un home), a esas idades terá moitas ganas de trotar detrás da súa filla ou do seu fillo. Por iso me estraña tanto que, precisamente unha médica, se sinta orgullosa do feito. Non sei, ten todo o dereito do mundo a ser feliz, pero dentro de 10 anos haberá que preguntarlle á neniña se esta é realmente feliz correndo soa polo parque ou polo patio da casa.

Xa que comentaba ó principio a violencia dalgúns, encamiño a narración do Recuncho Hebdomadario cara á violencia de xénero, a cal semella que, en vez de ir a menos, vai a máis. Por H ou por B, polo si ou polo non, por unha cousa ou por outra a xustiza española, na violencia de xénero, non funciona (xa sabemos que a xustiza tampouco funciona noutras cousas, pero agora non vén ó caso). Denunciados por agresións que andan ó seu aire ata que pasa o que pasa, ata que a agresión se fai presente e real, tan real que xa non hai volta atrás. E para a vítima, menos. Condenados por afastamento seguen, non obstante, achegándose ata o punto final, ata o derradeiro suspiro da vítima. Despois si, despois é cando actúa a xustiza. Cando xa é tarde. Cando xa non hai volta atrás. Coma sempre. E coma na maioría das cousas.

Un fillo é a maior felicidade do mundo. El tamén merece esa felicidade. Aínda que despois, a algúns, e xa de maiores, se lles crucen os cables e convertan esa felicidade nunha violencia de xénero pola que, a xustiza, pecha os ollos.

Te puede interesar