Opinión

Feliz coa demencia

Hai pouco lin unhas declaracións da gaiteira, pianista, educadora, escritora e produtora ourensá Cristina Pato nas que comentaba que “se pode ser feliz coa demencia”. Sinceramente, case me alegrou a noticia porque me corrobora o que xa teño confesado algunha vez: que nunca o pasei tan ben co meu pai como cando pasou por esa fase. Fálase sempre que o alzhéimer é un terrible trastorno para a familia. Imaxino, polas declaracións da xente, que para moitos si. Para min, que queredes que vos diga; neses anos que tivo alzhéimer nunca me vira tan achegado a el. Non sei, ó mellor erro, pois non son nin médico nin especialista, pero o propio enfermo entendo eu que tampouco se decata da situación. O enfermo vive ese momento e non lembra nada máis. E o que non se recorda, non existe. Imaxino que non se decata da súa enfermidade; simplemente vive a vida, vive o momento. Lembro que cando o deitaba polas noites (tiña que axudalo, non pola enfermidade en si, que tamén, senón pola idade e por unha maldita perna que se lle quedara tesa nos anos 60), armabamos tal feira de gargalladas que tiña que dicirlle que parase, por Deus!, que a causa da risa non conseguía suxeitalo. El era feliz soltando baralladas, rexoubas e os dous eramos felices rindo a cachón. Cristina, é certo que se pode ser feliz coa demencia. Eu o fun coa do meu pai.

Te puede interesar