Opinión

Fermoso e feroz

Escrita e publicada en 1920, aínda que non se estreou ata 1933, “Divinas palabras” forma parte das comedias bárbaras de Valle-Inclán, pero xa é tan esperpento como “Luces de bohemia”, datada no mesmo ano. Obra pasional, violenta e forte; é difícil atopar en todo o teatro europeo de todos os tempos unha obra máis negra e atrevida. Ten algo de romance de cego, moito tamén de xogo espectacular de escarnio, e está como instrumentada con música de feira.

As adaptacións cinematográficas de Valle-Inclán adoitaron decepcionar ó considerarse que o mundo mítico do autor, a súa riqueza na linguaxe, as súas vocacións, o seu retrato de España a través do esperpento, a súa furia política son intraducibles no naturalismo da narración cinematográfica clásica. O cine español achegouse a Valle-Inclán en varias ocasións: “Sonatas”, de Bardem; “Flor de santidade”, de Marsillach; “Beatriz”, de Gonzalo Suárez; “Luces de bohemia”, de Miguel Ángel Díez; e tras “Divinas palabras”, outra adaptación de José Luis García Sánchez, “Tirano Banderas”. García Sánchez entende as razóns para esa posible decepción: “É moito mellor a obra de Valle que as súas películas, sempre é mellor a literatura grande que o cine, porque o lector ten unha relación de ti a ti coa obra e constrúe as súas imaxes propias, que logo non adoitan coincidir coas que aparecen en pantalla”. Non obstante, esta versión libre de “Divinas palabras” achégase moito á fidelidade da obra literaria, aínda que procurando eludir a teatralidade e buscando a maior carga de realismo e espectáculos posibles. É unha opción moi respectable e tan lícita como calquera outra. O que conta é que a película alcanza os seus obxectivos; que é un verdadeiro espectáculo, ás veces fermoso, sempre feroz e desgarrado; que a Galicia de tolleitos, capeláns, labregos incultos, é unha imaxe tremenda, unha mestura estraña e difícil de horror e humor. E Ana Belén é unha aparición resplandecente entre mulleres enloitadas, homes embrutecidos, esmoleiros e eivados. Na escena en que lle amosa o seu corpo espido ó pobo, nunca a vin tan fermosa nunha pantalla cinematográfica.

Te puede interesar