Opinión

Final moi desigual

Apartir de “Topkai”, esa obra mestra que comentaba a semana pasada, a carreira de Jules Dassin foi moi desigual. “Ás 10.30 dunha noite de verán” (1966) é un filme excesivamente tópico, aínda que con apuntes interesantes. Descoñezo “Uplight!!” (1968), versión de “O delator”, situado entre as panteras negras. E teño en limitada estima a súa adaptación da autobiografía de Romain Gary que rodou baixo o título de “Promesa ó amencer” (1970). Descoñezo igualmente os seus dous filmes case clandestinos, “Survival” (1967) sobre a guerra árabe-israelí, e “O ensaio” (1974), o filme predilecto do seu realizador, que trata da rebelión, en novembro de 1973, dos alumnos da Escola Politécnica de Atenas contra a xunta de coroneis fascistas que gobernaban en Grecia neses momentos.


Pola contra si conseguín ver “Un soño de paixón” e semella un excelente aproveitamento das ensinanzas de Bergman, cunha moi interesante reflexión sobre temas como realidade, representación, arte, interpretación, sinceridade, mentira, etc. Mentres o seu derradeiro filme, “Círculo de dous” (no que a Jules Dassin lle impuxeron o guión e os intérpretes e posteriormente remontaron a película), é moito máis interesante como punto de partida (unha curiosa variación de “Lolita”) que o que pode desprenderse do resultado final.


O director, ó meu entender, merece que as súas películas inéditas se poidan ver no noso país. Nomeárono ó Oscar como mellor director en 1960 pola película “Nunca en domingo”. Sen parar mentes, podemos dicir que entre 1934 e 1936 estudou arte dramática en Europa; logo traballou durante tres anos no Yiddish Proletarian Theatre de Nova York como actor e director, ó mesmo tempo que producía programas radiofónicos.
A partir de 1940, traballou en Hollywood en calidade de axudante de dirección de Alfred Hitchcock, e sería un ano máis tarde cando debutaría xa como realizador. Casou coa actriz grega Melina Mercouri e morreu en Atenas á idade de 96 anos.

Te puede interesar