Opinión

Fresco e espléndido

É moi difícil levar ó público  ás salas a ver documentais (e iso que cada vez son mellores e máis coidados no noso país), que son fundamentais para achegarnos a realidades afastadas da nosa vida cotiá e urbana ós que nos somete a sociedade de consumo na que estamos moi comodamente instalados.

Montxo Armendáriz, fiel a si mesmo, un home sempre preocupado e comprometido artisticamente cos asuntos sociais, coa cultura e a política desde a súa primeira longametraxe, arrima, achega no excelente documental “Escenario móbil” (2004) os temas que debullou desde sempre nos seus filmes de ficción: o primitivismo (“Tasio”), a inmigración (“As cartas de Alou”), a xuventude (“Historias do Kronen”) ou o mundo rural en “Silencio roto”...

A protagonista desta longametraxe documental, deste “Escenario móbil” é a España rural que non veranea, a Estremadura profunda que desaparece como as lapas que a fixeron arder os incendios provocados que devastaron gran parte desa rexión o ano anterior á rodaxe do documental e que Montxo Armendáriz logrou filmar.

O camión que serve de escenario móbil para os artistas que amenizan as festas en pequenas aldeas e as cancións de Luis Pastor, cuxa actuación nesta zona é o eixe da cinta, son o argumento dun paseo polos escenarios dunha vida que se extingue porque os seus mozos non atopan futuro, porque os maiores séntense impotentes para cambiar o mundo no que creceron e no que viven as súas frustracións, anhelos, miserias e desvelos...

Xeografía, bo cine, música e poesía mestúranse con bo ritmo e con gran calidade de imaxe, aínda que incriblemente a película fora rodada en vídeo dixital. Sosegada road-movie musical cun concerto de voces e ritmo, sen berros de fans, sen desmaios en directo. Non hai triunfadores, porque non é a historia dunha frenética carreira polas estradas do éxito, senón a dun paseo por unhas terras e unhas xentes que sofren. A música e a voz de Luis Pastor saben a terra e a auga fresca. Como fresco e espléndido é o documental

Te puede interesar