Opinión

Goteu o cano de Buenafuente

Xa sei que o asunto de Ramiro Folla trae moito retranca nas redes sociais, pero a gota que colmou o vaso da miña paciencia foi un vídeo que tamén circula polas redes de Andreu Buenafuente. Este humorista a min gústame moito. Pero aquí goteou a máis non poder o cano da súa “boafonte”. Búrlase un pouco deste xornal ante o titular de “Ramiro Folla, única buena noticia local”. Menos mal que cara ó final recoñece que é un apelido. Pero tanto el como os que se mofan nas redes sociais fano porque teñen unha mente moi quente, é dicir, moi saída. Porque, segundo colleron a palabra Folla do verbo follar, e sendo o rapaz galego, por que non colleron a palabra Folla do substantivo folla, o órgano vexetal dunha árbore? Tanto o señor Buenafuente como os demais deberían de saber que en todo o país (e digo, toda España) existen apelidos que vos deixarían coa boca aberta. Son un fanático dos nomes e apelidos, chamémoslle, raros e seino. A proba é que, eu mesmo, non caín da burra (é dicir, que non vin a similitude, o chiste?) ata o segundo día, logo de bombardearme con varios guasaps e de ver varias publicacións no feisbuq. E non caín da burra porque eu simplemente lía Ramiro Folla. Nome e apelido. Eu vía un apelido. Porque que eu saiba, folla de follar non se escribe con maiúscula, se non é principio de frase. O que hai que facer, cabezas quentiñas, é saber ler e non sacar as cousas de contexto. A maiores de que, pola nosa terra, usamos máis a palabra joder en castelán e foder en galego (que, por certo, follar na nosa lingua non existe). 

Eu, folla asimíloa moito máis ó órgano vexetal das árbores ou das plantas; máis en concreto, dos carballos e castiñeiros; seguro que porque fun labrego e non xardineiro. O señor Buenafuente debería estudar primeiro algúns termos ortográficos, antes de mofarse dun rapaz e dun xornal que non publicou un “titular desafortunado”, como tamén din algúns outros medios. O propio Ramiro Folla confesou que “ó principio de ver o titular, case non lle fixen caso”. Normal; o que me pasara a min. Porque tanto el coma eu viamos tan só un apelido. Espero, confío e desexo que Ramiro Folla amose por ese mundo das motos o seu apelido con moito orgullo, porque, por encima, é bonito. Para un galego é bonito. A folla dun carballo, por exemplo. Ou dun castiñeiro. As nosas árbores. Ánimo, rapaz!

Te puede interesar