Opinión

Gozoso xoguete

Nunha das máis intelixentes comedias do Hollywood clásico, “As viaxes de Sullivan”, o gran Preston Sturges imaxinou a un director de cine especialista en comedias que, descontento co seu traballo, pretende rodar dramas sociais, a condición imprescindible, pensa el, para crear auténtica arte cunha linguaxe como a do cine. Tras innumerables peripecias, o director acaba por descubrir, no peor momento da súa vida, o carácter case profiláctico do facer rir cunha historia, ata acabar por esquecer as súas veleidades de autor. Non moi lonxe destas elucubracións parece situarse un dos grandes cineastas do noso tempo, Woody Allen: a súa “Melinda e Melin- da” que hoxe nos ocupa, nace do intento de establecer cal é o terreo que mellor se adapta para contar unha historia, se o drama ou a comedia.

E como fixera tamén Sturges, Allen aplícase á faena de amosarnos que calquera anécdota é susceptible de ser mirada desde calquera prisma... e como o Sullivan do filme de 1941, tamén o noso home entenderá que non existe un terreo privilexiado para facer crible a vida dunha mo- rea de criaturas de ficción.

Cunha actriz soberbia, a australiana Radha Mitchell, facendo o papel dobre da función; unha aposta entre dous creadores, un dramaturgo e un comediógrafo, e a súa inspiración intacta, Allen crea un gozoso xoguete case escénico, dúas pezas nunha que acaban confrontándose, alternándose e intercambiando os seus momentos, aínda que en claves distintas.

O resultado é unha das comedias mellor construídas no cine do último Allen, un formidable exercicio de escritura de diálogos, condenadamente bos aínda que por momentos soen a coñe- cidos: pásalle, por exemplo, en algunhas das pasaxes en que intervén Will Ferrell, unha sorte de sosias do Allen actor na ficción. E como sempre na produción do neoiorquino, volvemos atopar aquí os seus temas constantes: a fidelidade amorosa, o carácter inestable da paixón, a forza da amizade, os celos... a escusa perfecta para regresar a territorios coñecidos que garan- ten unha hora e media de intelixente, brillante goce cinematográfico. 

Te puede interesar