Opinión

Gran editor de son

A industria do cine está chea de mortes por accidentes chamados estúpidos ou estrambóticos que mandan ó traste vidas que, ás veces, estaban en pleno auxe artístico. Como o accidente que lle aconteceu ó editor de son Michael Hopkins, que o 29 de decembro de 2012 e cando baixaba polo río Waiohine practicando descenso de augas bravas coa súa muller e un amigo, a súa balsa se picou e desinchouse. Non recuperaron o cadáver ata dúas horas máis tarde.

Michael Hopkins era un bo editor de son e tiña éxito porque ganara dúas estatuíñas de Hollywood, ou sexa, dous Oscars: o primeiro fora no ano 2003 polo seu traballo xunto a Ethan Van der Ryn en “O señor dos aneis: as dúas torres” e o outro Oscar acadouno tres anos máis tarde pola súa labor en “King Kong”, que tamén fixo con Van der Ryn.
Hopkins nacera na localidade neozelandesa de Greytown o 12 de agosto de 1959 e xa colaborara con Peter Jackson na terceira película do cineasta, en “Braindead: a túa nai comeu ó meu can”, e desde ese momento ata a citada “King Kong” (2005) fixéronse inseparables, é dicir, que rodaron xuntos “Criaturas celestiais” (1994), “Agárrame eses fantasmas” (1996) e a triloxía de “O señor dos aneis”, do 2001 ó 2003, e a do gran simio, claro. Foi a partir dese ano de “King Kong”, 2005, cando Michael Hopkins optou por buscar novos horizontes, por arrimarse a outros cineastas e traballou noutros grandes filmes das casas máis importantes hollywoodienses, como “Dreamgirls”, “Transformers”, “Kung fu panda” e “Valkiria”. Por “Transformers” tamén o nomearan ó Oscar, e tamén co seu colega Van der Ryn.

Hopkins era un deseñador de son de gran talento e baixo a súa guía Nova Zelanda converteuse nun dos epicentros de posprodución de son do mundo do cine, segundo palabras do seu amigo Peter Jackson, do que tamén gabou o seu humor e a bondade do seu carácter. 

Te puede interesar