Opinión

Un guión con Anxo

David Trueba colaborara co director Emilio Martínez Lázaro no guión de Amo a túa cama rica (1991), brillante comedia de enredos sentimentais, que producira Fernando Trueba un ano antes de que a este lle deran o Oscar pola súa película Belle époque. A boa relación establecida entre produtor, guionista e director, así como cos actores Gabino Diego, Jorge Sanz e Ariadna Gil, inspirou ó mozo David Trueba un novo guión, o de Os peores anos da nosa vida, que escribiu mentres estudaba no American Film Institute dos Ánxeles. Cando llo mostrou a Martínez-Lázaro este considerou que era “un guión con anxo, encanto e sinceridade. A sinceridade de alguén de 24 anos como David. Esa era unha idade estupenda para escribir historias coma estas porque despois, segundo cumpres anos, pode que te fagas máis listo, malicioso e complicado, pero pode que tamén sexas menos auténtico”.

Esa mesma impresión foi a que tiveron a maioría dos críticos. Algún comentaba que Os peores anos da nosa vida é unha áxil, elegante e con frecuencia hilarante comedia xeracional. Fala dun personaxe que se diría dun sosia rexuvenecido de Woody Allen, un temible gafe que á vez é adorable, desprotexido, namoradeiro, torpe, con ganas de darlle un lapote, tenro... A súa obsesión é bifronte: as mulleres (a súa inutilidade para conquistalas) e o seu irmán (a asombrosa facilidade con que este as conquista) A aposta do filme, o seu verdadeiro resorte, non é outra que facer que se chegue a querer a este horror de tío, que o sintamos achegado, que participemos das súas obsesións, que compartamos os seus triunfos amorosos.

Outro crítico di que o título do filme parafrasea o do notable melodrama de posguerra de William Wyler Os mellores anos da nosa vida; o final retoma o desenlace romántico de Casabranca; hai varias referencias ó cine de Woody Allen; asoma un cineasta con parche ó John Ford ou Raoul Walsh; noutro instante da película, o personaxe de Gabino Diego comenta a influencia do cine e da literatura na súa maneira de ver a vida. Unha homenaxe a todo o cine.

Te puede interesar