Opinión

Hai que prohibir o cine!

Mal asunto para o cine. Unha espectadora seica se queixou da emisión da película “50 sombras de Grey” porque “promove a violencia explícita e, sobre todo, violencia machista”. Nin vin nin penso ver tal película. Nin lin nin penso ler tales libros. Pero creo que aínda así, penso que se pasou un chisco a espectadora esa. Por esa regra de tres habería que eliminar da cinematografía as de Rambo, por exemplo, porque nunha delas liquida a todo ruso e afgán que se lle pon por diante. E as de James Bond? O axente con licencia para matar eliminaba, antes, a todo ruso que estivese de pé e, agora, mata a todo árabe con pinta de árabe.

As películas do Oeste... pobres indios! Nas de Alien ata tería que ir en contra da miña amada Sigourney Weaver por liquidar ou intentar liquidar ó bicho, co bonita que é tal criatura. Deberíase prohibir esa obra mestra chamada “Psicosis” porque Anthony Perkins asasina na ducha (na ducha!, ese recanto de intimidade para o ser humano) e con toda a saña do mundo nada máis e nada menos que á protagonista. Habería que prohibir “Los santos inocentes” porque a un salvaxe se lle deu por pegarlle un tiro á gralla de Azarías, a “milana bonita” de Paco Rabal. A ver se nos decatamos de que o cine é todo mentira, de que o fai real a conciencia humana. E moitos ben sabemos como temos a conciencia: negra e co demo dentro.

 

Te puede interesar