Opinión

Hai que ter mala sorte

Queda o escornabois cruzando a beirarrúa e un lóstrego atravesa a conciencia dun mosquito. Hai que ter mala sorte. Mentres un neno baila segundo canta, o lobo arrampla cunha ovella que pacía no lameiro de Luis, O Pringrado. Pobre ovella. Hai que ter mala sorte. Acouga a albarda no lombo do burro e o feixe de ferraia está á espera de que o abrace a musculatura de Sandino, O Diosdado. Mais xusto cando deixaba caer o feixe sobre unha angarela, esta cedeu co peso e, a outra, viaxou á velocidade da luz cara á fronte do Diosdado. O retumbar foi glorioso, coma un trono, e soou a oco. Sandino caeu fulminado.

Hai que ter mala sorte. Vai o asubío nos beizos da moza con minisaia branca e uns ollos masculinos seguen o bambán, o baile das nádegas. A ansiedade é tanta que o saído optou polo máis sinxelo: lanzar as súas mans a aquel traseiro tan ben feito que, ó instante, o sorriso volveuse sangue cando o puño do paraugas que levaba a moza percorreu aqueles centímetros que había ata a boca do home nun santiamén. O santi para petar nos dentes do saído e o amén para correr o sangue a cachón. Hai que ter mala sorte.

Te puede interesar