Opinión

Homenaxe a Hughes

Ninguén descobre a estas alturas que Martin Scorsese é todo un mestre cinematográfico e que debería estar e está no olimpo da sétima arte. Pero con todo o mestre que é, “O aviador” (2004) non é das súas mellores películas. Non obstante, aínda así é un filme de Scorsese, que está rodado con exquisitez e á maneira de como se rodaban antigamente as películas. É longa e quizais canse un pouco. Pero é de Scorsese e usa unha narración extravagante e disciplinada, chea de detalles.

“O aviador” narra a historia do magnate Howard Hughes, excéntrico, intelixente, ambicioso, visionario, mullereiro, obsesionado pola limpeza, produtor de cine e pioneiro da aviación. E todo isto encarnado á perfección polo actor fetiche de Scorsese: Leonardo DiCaprio, que compón un dos seus máis complexos personaxes, un logro admirable para un actor pola intensidade e a cantidade de detalles cos que debuxa o seu Howard Hughes, máis aínda pola dificultade intrínseca do propio personaxe, con infinitas obsesións mentais que o actor fiscaliza de maneira extraordinaria. Á súa beira, Cate Blanchet mimetízase na personalidade e no corpo da gran Katharine Hepburn de maneira tan asombrosa que vendo a ela é case como ver á Hepburn viva, xa que a soberbia actriz apunta tan exacto na voz, nos xestos, nas miradas, nos movementos e os seus xogos co texto, que o seu personaxe cobra unha forza especial no filme, e John C. Reilly aporta sobriedade e serenidade.

O filme é unha merecida homenaxe ó coloso Hughes e Scorsese danos a oportunidade de apreciar na medida que se merece a este xenio, adiantado ó seu tempo e, por desgraza, tristemente enfermo, polo que tamén nos invita a sufrir con el. Ten un ritmo brillante cando o necesita e os seus baixóns (que os ten) encaixan perfectamente en sintonía coa mente e a realidade do anfitrión. Bo filme.

Te puede interesar