Opinión

Honor ó apelido

Cada vez estou máis convencido de que os apelidos póñense por algo, que teñen o seu aquel, que traen o seu significado tras de si. E non só para mofarse del ou deles, como foi o caso non hai moito de Ramiro Folla. Os galegos sabemos que o seu apelido vén do órgano vexetativo das plantas ou das árbores. Tamén hai un apelido que semella que lle sentou como anel ó dedo a un veciño de Calvelo de Lama Má, no concello de Baños de Molgas. Tal veciño respondía ó nome de Verísimo Rodríguez Incógnito. Atención ó segundo apelido (por certo, non é a primeira vez que o vexo escrito). Porque ten moito que ver coa noticia que apareceu nos xornais nos primeiros días de outubro de 1922. Resulta que o gobernador civil da provincia de Ourense interesouse pola busca e captura de Verísimo Rodríguez Incógnito, desaparecido do seu domicilio da aldea citada. Non sei que falcatruada fixo, pero de que lle facía honor ó apelido de Incógnito estábase a ver: o homiño andaba desaparecido, intúo que estaba de “incógnito” ó mellor en calquera casa de veciño ou en calquera corte ou palleira. Por aqueles tempos, perigosos en case todas as facetas, cada un escondíase ou intentaba pasar de incógnito onde puidese ou como puidese. Verísimo nese outubro fíxolle honor ó apelido.

Te puede interesar