Opinión

Identidades robadas

Documentais como “Botín de guerra”, de David Blaustein, e máis aínda películas de ficción como “Os pasos perdidos”, de Mane Rodríguez, por citar só dúas producións con participación española, xa indagaron nesa monstruosidade histórica que foi o rapto planificado de nenos acabados de nacer por parte de homes de palla ou directores executores a soldo da ditadura militar arxentina durante a longa noite que se apoderou do país latinoamericano entre 1976 e 1983. Ese pesadelo aínda segue hoxe porque, como lembra unha certeira sentenza de Patricia Zangaro, “mentres haxa unha soa persoa coa identidade roubada e falseada, ponse en dúbida a identidade de todos”. Con isto ten que batallar a sociedade arxentina, e o cine con ela. E é por iso que existe unha película como “Netos” (2003).

O documental de Benjamín Ávila pescuda en varias historias destes rapaces e rapazas ós que un bo día alguén lle comunicou a nova de que non eran quen crían ser. Dese horrible dilema non todo o mundo saíu igual, nin reaccionou de maneira semellante. Algúns, o filme amósanolo, chegaron a reconstruír pacientemente a vida dos seus proxenitores, incluso a profesarlles unha admiración que máis que probablemente mereceron, máis alá de diferencias ou afinidades ideolóxicas. Outros, aínda recoñecendo que eses ós que chaman os seus pais non o son, optaron por seguir vivindo con eles. Por último, están os que se negaron en redondo a aceptar a dolorosa verdade que preside as súas vidas e optaron pola clandestinidade ou a fuxida.
Baseada nun relato de José Donoso, “Cachimba” (2004) é unha peripecia cun negrísimo sentido do humor, con homenaxes explícitas ó cine de Buñuel e unha sa vontade de arremeter contra o provincianismo cultural mesturado co negocio especulativo. O director chileno Silvio Caiozzi constrúe un artefacto crítico que está presidido por un humor moi corrosivo. Un humor que ataca a todos, incluído ó protagonista e a súa noiva, pero que acaba construíndo arredor desa parella e do personaxe máis delirante da función, o gardián do museo, unha adhesión e unha simpatía realmente marabillosa.

Te puede interesar