Opinión

Ilusión que mingua

O máis salientable do filme “Sky Captain e o mundo do mañá” (2004) é que é a primeira película da historia do cine que contou con actores reais, pero no que absolutamente todo o resto do decorado é dixital. Esta primeira obra de Kerry Conran resulta, na súa impresionante plasmación na pantalla o último do último no que a efectos especiais se refire, unha especie de nova fronteira para a fantasía, xa que todo o que vemos, se exceptuamos ós actores, é pura ilusión e apaixonante xogo virtual. O que vemos é fascinante, pero o que nos conta xa non é tal; ou dito doutra maneira, a historia queda á mesma altura dunha simpleza tan sinxela que custa aceptar ese baixón de calidade, esa mingua de interese. De todas formas é unha película chea de inventiva visual e ambición narrativa. Mestura unha época tan atractiva como os anos trinta e corenta con auténtica ciencia ficción.

Mágoa que por culpa dun guión pobre e cheo de clichés, de lugares comúns e por opcións estéticas, o filme decaia en forza e ritmo. Unha pena, porque ningunha película, por grandes efectos especiais que teña, se sostén se non hai algún tipo de empatía coa sorte dos seus personaxes.

Non obstante, é unha película interesante, de aventuras retro-futuristas, con estética de cómic e un bonito xogo de sombras, filmada, como dixemos con actores reais pero con decorados dixitais que fan o filme bastante atractivo e ademais de ser algo orixinal. A longametraxe está baseada nunha curta de 6 minutos do mesmo director, que rodara alá polo ano 1998. En realidade, os primeiros minutos de “Sky Captain e o mundo do mañá” son a propia curta en si (mellorada, claro), polo que o resto, 100 minutos, tivo que encherse cunha historia, que, como dicimos, fallou bastante.

Dos actores hai pouco que contar, tanto Jude Law como Gwyneth Paltrow simplemente están porque teñen que estar e Angelina Jolie é un caso á parte, precisamente porque asoma moi pouquiño polo filme. A nota curiosa apórtaa Sir Laurence Olivier, rescatado de fotografías e imaxes de arquivo, e a súa presenza impón.

Te puede interesar