Opinión

Unha imaxe
 de España

Pascual Duarte, a sobria adaptación cinematográfica da novela de Cela que realizou Ricardo Franco en 1976 alcanzou un notable éxito nacional e internacional, incluíndo o premio de interpretación en Cannes para o seu protagonista, José Luis Gómez. Segunda longametraxe do seu director (primeiro realizado desde a produción profesional), consegue o difícil equilibrio entre o respecto a unha dura historia convertida xa nun clásico da narrativa española e a lexítima vontade creativa do seu adaptador, apoiada sen dúbida pola bonita fotografía de Luís Cuadrado.

Xa houbera intentos de adaptar ó cine A familia de Pascual Duarte, que Cela escribira en 1942 e na que o autor ofrecera “o esquema clásico dunha variedade da fauna humana, tremebunda pero realísima, parella de outras non menos atroces que teñen tamén o seu literario arquetipo”, segundo Gregorio Marañón. Un daqueles intentos de levala ó cine, alá polos anos sesenta, foi o de Fernando Fernán-Gómez, pero distintas razóns, ás que non sempre foi allea a censura, fixeron que cada proxecto se fora postergando. En 1974 o produtor Elías Querejeta recibiu a oferta de dirixir el mesmo unha versión cinematográfica da novela. Un grupo de asturianos ostentaba os dereitos do libro, e descartando a súa primitiva idea de que a dirixira o italiano Marco Bellochio, chamaron a Querejeta, que rexeitou a oferta, aínda que ofrecéndose a producila.

Así foi como Emilio Martínez-Lázaro e Ricardo Franco, quen finalmente a dirixiu, recibiron o encargo de elaborar un guión, ó que se incorporou máis tarde o propio Querejeta, “guión moi laborioso de escribir porque Elías tiña a obsesión de afastarse o máis posible da novela”, segundo Martínez-Lázaro. De feito vese Pascual Duarte e percíbese un afastamento moi drástico da novela.

A película posúe unha entidade particular, con características propias que a apartan da simple adaptación dun texto preexistente para converterse nunha verdadeira recreación. O mérito de Ricardo Franco foi realizar un personaxe aterrador e plasmar nel unha imaxe de certa España. Na violencia de Pascual xermina a violencia de España.

Te puede interesar