Opinión

Imaxes dun minto

Entendo perfectamente toda a cerimonia, toda a suntuosidade dunha inauguración festivaleira, por aquilo de ver famosos, caras novas, biquiños dun lado, sorrisos do outro, pero ós que nos gusta o cine pasamos un chisquiño de todo ese barullo e o único que queremos e que empece axiña a película. Cando empeza, penso que nos transformamos.

A película que inaugurou o Festival de Cine de Ourense, “Trinta lumes”, non tardou en transformarme grazas ás potentes imaxes de todo un mito: O Courel. Claro que toda montaña adoita impresionar polo seu tamaño, pero tamén conta, e moito, como se nos soe mostrar. A directora Diana Toucedo non deixa de sorprendernos con cada imaxe do Courel e desas aldeas que semella que están aí para que a morriña nos rabuñe a alma. Cada escena do mundo rural é un espello no que me vexo reflectido de cando era rapaz e non tan rapaz.

O título non versa sobre o lume en si, senón sobre eses fogares que fan fume, é dicir, que están habitables. No caso do filme de Diana son os 30 nenos que quedan entre o medio cento de aldeas que hai no Courel e que, co tempo, sábese que largarán a estudar ós institutos de Lugo ou Ourense. O que vén a ser o despoboamento, o abandono de toda unha zona que, xa de por si, se sente illada xeograficamente.

 “Trinta lumes” amosa unha paisaxe romántica e, ó mesmo tempo, terrible, climatoloxicamente falando, a causa desas chuvias e desas néboas constantes para rematar coas neves nas zonas máis altas. A paisaxe nótase que está ligada ó sobrenatural, con eses mortos que só pode ver a protagonista e eses típicos ritos ancestrais que se integran na vida diaria dos seus habitantes.

A película dá a impresión de semellarse máis a un documental que a un filme de ficción e gana enteiros cada vez que a cámara deixa o mundo adolescente. Pero en conxunto, "Trinta lumes” é un filme máxico e merecente para abrir este festival, calquera festival. É un retrato honesto deses habitantes que, a pesar de vivir illados, teñen a esencia da felicidademarcada nos seus rostros. Rostros rurais nos que está escrita toda unha vida. 

Te puede interesar