Opinión

Imposible que haxa perdón

Moitas veces pregúntome se non sería mellor ler os xornais á última hora do día. Así polo menos tería cabreos curtos, porque, estes, co sono, esquécense, alívianse. A pena é que os leo á primeira hora e sempre hai algunha noticia que me pon a cara de ferreiro. O noso presidente Feijóo cre que o noso Goberno do noso Rajoy cumpriu coa nosa Galicia ó asumir as peaxes da AP-9 e frear a Cataluña. E xa está. Con iso xa está. Para que pedir algo máis, que se poden herniar. A ver se non somos tan inocentes, por Deus! Ningún Goberno cumpriu nunca con Galicia, e moito menos os gobernados polos propios galegos. Sempre nos deixaron da man de Deus, e este, como tamén fai e desfai ó seu antollo, así nos vai.

Lembrade: somos o cu do mundo. Hai moitos anos que teño unha imaxe metida na cabeza: que todos os telexornais, durante todos os días, tiñan que proxectar a primeira noticia pedíndonos perdón por todas as falcatruadas con que nos teñen recompensado. E aínda así, non habería perdón. Imposible que haxa perdón. Pero ó noso presidentiño chégalle coa AP-9. Menos mal que o noso Goberno do noso Rajoy non restaurou ningún muíño, por exemplo. Seguro que con isto xa cumpriría. Imposible que haxa perdón

Te puede interesar