Opinión

Infestados pola falsidade

Estamos infestados pola falsidade. Invadidos polos máster, polas tese e polas velutinas. Ante isto, desexo de corazón ser invadido polos extraterrestres. Polo menos coñezo a outros seres que viaxan polo espazo sideral e non por entre as poltronas do Congreso e do Senado. A estas alturas xa ninguén sabe quen minte ou quen é legal, quen chegou honradamente ou quen plaxiou a lúa inversa. Agora mesmo tampouco sei quen é máis perigoso: se un político ou a avespa asiática. Particularmente, penso que o político. Sempre foi moito máis perigoso. Dunha picadura de avespa, se non es alérxico, libras con ben. Dun político con lingua falsa ou viperina, non te salva nin a caridade. O peor de todo é que, nestes momentos, ese asunto político, o dos diplomas falsos, o das orlas académicas, cansa, aburre xa. E incluso te emperrencha. Porque sabes que hai asuntos moito máis urxentes que tratar neste noso país; e todos, absolutamente todos os políticos se saen pola tanxente. Claro que tamén hai que soltar a ladaíña de sempre: que a culpa é nosa e que temos o que nos merecemos. Pois ale, a seguir aturándoos. E como contra eles non podemos, loitemos entón a morte contra a velutina. Mira que é invasora, eh. Hoxe xa todo o mundo fala desa avespa, porque se atopa con ela en todos os recantos da nosa terra.

Te puede interesar