Opinión

Íntimo e honesto

Baronesa é o nome duna favela á que a protagonista do filme quere mudarse, unha que aparentemente é máis tranquila e menos violenta que na que vive. O que a realizadora brasileira Juliana Antunes nos amosa é a vida cotiá dunha muller, a súa mellor amiga, os fillos desta e un amigo da favela. Máis alá dalgún outro personaxe que asoma casualmente, o contexto está fóra de campo. Pero non fai falta velo, xa que eses poucos metros cadrados nos que os protagonistas semellan moverse conteñen todo un mundo, o seu propio mundo.

Ópera prima desta moza realizadora que pouco a pouco nos vai contando a historia recente de Brasil e incluso de Latinoamérica, daqueles que viven á marxe, xa sexa por xeografía, raza ou xénero. E faino cunha solidez conceptual que expón en todo momento e a seguridade formal coa que se rexistra a dura e vital existencia dos personaxes.

Se ben as vidas das protagonistas parecen moderadas e incluso con momentos de felicidade xunto ós seus fillos e amigos, capeando a calor, cantando ou descansando nas súas camas, o filme comunica a través da ausencia; ausencia de homes que controlan a vida das mulleres, ausencia, tamén, doutras mulleres da comunidade cuxas historias non se contaron, ausencia da gran cidade, ausencia de balas, cuxo son é o único vestixio dunha guerra de narcotraficantes moi presente, pero que non se fai visible na historia.

A pesar da insólita quietude dos días, hai un fondo violento que asexa: os enfrontamentos de bandas ligadas á venta de drogas intúense e en ocasións anúncianse nos diálogos. Así, nunha escena tan absolutamente horripilante como impredicible, a presenza microscópica da guerra alcanza directamente a posta en escena. É un instante de verdade absoluta..

“Baronesa” semella un filme sombrío e sórdido. Que va. A dignidade dos seus personaxes brilla de principio a fin, e se ben a austeridade económica se constata plano tras plano, Antunes rexistra instantes de gran fermosura. Filme íntimo e honesto.

Te puede interesar