Opinión

Irónica controversia

Nada sabiamos en España nin sobre el nin sobre o cine surcoreano cando se estreou “A illa (Seom)” (2000), cruel, terrible peripecia amorosa dirixida por un dos cineastas máis respectados pola exhibición internacional, Kim Ki-duk, que nos deixou literalmente coa boca aberta: de onde sae un tipo capaz de mostrarnos así a dor que sempre vai anexa ó amor, que clase de personaxes son eses que aman entre anzois e esgazaduras, sen palabras case, pero con abundante efusión de sangue? Non menos sorprendidos quedamos cando se estreou a seguinte entre nós, “Primavera, verán, outono, inverno… e primavera” (2003), unha fábula budista igualmente percorrida por impulsos de crueldade, pero presidida pola vontade pedagóxica, ben que un chisco de postal, e con personaxes, unha vez máis, illados por vontade propia e con apenas contacto cun mundo exterior sempre ameazante.

E agora, coa terceira que nos chega, este “Ferro 3” (2004) que ganou merecidamente premios importantes en Venecia e Valladolid, volvemos experimentar ese mesmo desacougo, esa sensación de estar contemplando a personaxes moi afastados de nós… aínda que non poidamos apartar a ollada da pantalla. O protagonista desta peripecia non pode ser máis ordinario e, ó tempo, máis imprevisible: é un home que dedica o seu tempo a entrar en casas das que provisionalmente están ausentes os seus propietarios, pero non para roubar nelas, ou para ocupalas: moito máis inesperadamente, dedícase a vivir só un cacho, a tomar un café, a ordenar algo desordenado para despois volver desaparecer, e así ata a seguinte.

“Ferro 3” convértese en realidade nunha irónica controversia dalgúns dos tótems sobre os que construímos a nosa identidade: a noción de propiedade, de privacidade, de comunicación; a posesión de espazos, obxectos e, claro, tamén de persoas. Película desconcertante pero que serve para demostrar, unha vez máis e por se aínda fixera falta, que é o que tanto nos atrae do cine asiático, ese ata hai pouco descoñecido e agora xa un reclamo indispensable para axudarnos a pensar no noso tempo… e en nós mesmos.

Te puede interesar