Opinión

José Boente, la provincia en provincia

A  xente de Baños de Molgas ten tan asumido o balneario que o vemos simplemente coma un edificio inmenso, bonito e que alberga bañistas. Sempre se lle chamaron así: bañistas. Porque van tomar os baños. Ninguén asume aquilo de que, a maiores das reumas, artroses, sinusites, etc, existe a relaxación, o descanso e, hoxe en día, incluso o turismo. Sei que de cando en vez collen ós bañistas e lévanos a visitar, a coñecer lugares.

Pero o balneario de Baños de Molgas é máis que un edificio e que unha casa de baños. É unha institución pola que deberon pasar unha boa cantidade de xente máis que coñecida, máis que famosa. A ver, hoxe, quen máis quen menos, pode permitirse o luxo de "ir tomar os baños", ou de ir a eses lugares para simplemente relaxarse. Pero antigamente, só ían os ricos, "os señoritos". Así é que por aí pasaron desde ministros ata bispos, desde xente da realeza ata personaxes pintorescos. Hai uns días atopeime nuns papeis a un personaxe que me chamou tanto a atención que me custou seguilo por todo o territorio español. O homiño non estaba quieto un carallo. É que se se descoida goberna en toda España. Fíxoo nada menos que en sete provincias!

Este personaxe chámase José Boente Sequeiros e na súa senectude, cando xa cansara de andar por media España adiante, pensou que lle ían ben uns baños no balneario de Baños de Molgas. Aseguro eu que é o mellor lugar para desconectar, para esquecer esas trangalladas políticas que hai sempre e que, a principios do século XX, eran de rapar e peitear ou de meter medo.

PONTEVEDRÉS DE SALCEDA

José Santiago Boente Sequeiros nacera na Esfarrapada, pertencente ó concello de Salceda de Caselas, Pontevedra, ás catro da mañá do 3 de setembro de 1860. Fillo de José Santiago Boente Leiras e de Joaquina Sequeiros Rodríguez. Estudou no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra pero a picardía de Boente axiña se fixo patente: o pillabán estudou algunhas materias no Instituto de Ourense porque seica esixían menos nas probas de exame. Non era parvo, non. Nese tempo axiña empezou a colaborar co rotativo El Estudiante. Cando rematou co bacharelato déuselle pola carreira de Dereito en Santiago, entre 1881 e 1885. Ó momento instalou bufete de avogado na rúa Michelena de Pontevedra, chegando a ser Decano do Colexio de Avogados e con Manuel Portela Valladares como tesoureiro. Ó mesmo tempo compaxina a súa labor como redactor xefe do Diario de Pontevedra e acóllese á aventura de formar unha sociedade para a fabricación de fariñas, pan e outras industrias.

Por esa época, José Boente Sequeiros casa con Carmen Álvarez, coa que tivo dous fillos: o xornalista e escritor José Boente Álvarez e o arquitecto César Boente Álvarez, que morreu en Zaragoza o 23 de agosto de 1920, vítima dun atentado sindicalista.

Vinculado ó Partido Liberal, José Boente foi deputado provincial (entre 1898 e 1930) e o 24 de abril de 1901 elixírono presidente da Deputación da capital do Lérez, onde presidiu un dos actos máis emotivos: cando a cidade lle rendeu homenaxe a José Echegaray en 1902, ministro de varias carteiras, dramaturgo e, dous anos máis tarde, Premio Nobel de Literatura.

Con data 26 de xuño de 1905 noméano Gobernador Civil da provincia de Cáceres, que desempeñou durante só seis meses; ou mellor dito, tres, xa que os outros tres estaría ausente por permisos ou licenzas. Así é que no decembro dese mesmo ano xa o designan Gobernador de Pontevedra, o posto que el realmente desexaba. Gobernou Pontevedra de 1905 a 1907 e de 1909 a 1911. Neses anos promove o xornal El Progreso e Atilana Barros Franco será a súa segunda esposa.

No 1911 xa é Gobernador de Zaragoza, onde se atopa coas tensións entre as clases traballadoras e a Patronal que resolveu firmemente. No xullo de 1913 presenta a súa dimisión voluntaria, quizais motivada pola crise política parlamentaria liberal dese ano: o enfrontamento entre o Conde Romanones e García Prieto.

Tres anos máis tarde xa é Gobernador Civil da Coruña. Deste posto cesará xa ó ano seguinte. E no setembro de 1918 noméano Gobernador de Sevilla, do que cinco meses máis tarde o destitúen por culpa dun conflito metalúrxico. No marzo de 1919 proclámano Gobernador de Murcia, pero unhas semanas máis tarde seica non aceptou o cargo. Si aceptaría o das Palmas, que sería xa o seu derradeiro destino como Gobernador.

Boente, logo de ser considerado un home tenro e cariñoso, renunciou no agosto de 1940 ó seu cargo de maxistrado suplente debido á súa avanzada idade, e faleceu catro anos despois en Pontevedra, en concreto o 18 de xaneiro de 1944.n

Te puede interesar