Opinión

O lado escuro do silencio

Olado escuro do silencio está en non dicir nada. O silencio solta mil historias sen abrir a boca. O silencio quizais sexa o mellor caderno no que se escribe o salouco dun momento. Hai silencios que matan e hai silencios que te fan bailar nun recanto do entendemento. O lado escuro do silencio é aquel no que non hai claridade. Claridade de ideas ou de ritmos desenfreados a golpes de batería. O silencio jazzístico de Cyrus Chestnut consiste en escoitalo en silencio e punto. Que máis queres oír! Se non hai cousa máis bonita que o silencio. En todos os momentos de soidade ou naqueles cachiños de barullo sempre asomará un grilo para romper o silencio. Se é que a música celestial dun grilo consegue romper o silencio. E deixa que o silencio rache a noite con fogos de artificio ou con tres asubíos ben postos sobre o outeiro daqueles soños. Quen puidera quedar en silencio logo de escoitar a trompeta de Miles Davis. Non se pode!; o ritmo fai mover os pés e estes, quéirase que non, fan ruído. O lado escuro do silencio está en quedar calados, cando a realidade da nostalxia vai e vén polos camiños trillados da infancia. Nesta, a verdade, era raro sentir o silencio. Pero, hoxe, xa adulto, quedo en silencio.

Te puede interesar