Opinión

O lado escuro

O feito de que Patrick Modiano sexa coguionista do filme “Lacombe Lucien” (1974) ten máis importancia do que poida semellar. Modiano é un escritor irregular, a quen se lle deben algunhas novelas maliñas, pero tamén outras tan logradas como “Os bulevares periféricos”, “Unha xuventude”, “Tan bos rapaces” ou “Domingos de agosto”, posuidor dun mundo persoal que se localiza preferentemente nos días da segunda posguerra e se manifesta a través de adolescencias conflitivas. Non é estraño, polo tanto, que Louis Malle pensara nel á hora de escribir o guión de “Lacombe Lucien”, historia dun rapaz francés que tras rexeitalo nas filas da Resistencia convértese en colaboracionista: por un lado a historia, en principio, semellaba allea ó que deica entón foran os intereses de Malle como home de cine e este necesitaba a axuda dun bo fabulador; e, por outra parte, Louis Malle era un realizador que mantiña boas relacións con literatos e que se mostrara especialmente sensible cara á literatura (“Ascensor para o cadafalso” e “Os amantes” son películas literarias; “Zazie no metro” e “O fogo fatuo” adaptacións de dúas importantes novelas francesas). A achega de Modiano ó filme “Lacombe Lucien” vai máis alá da coescritura da peripecia argumental: o laconismo do filme (ás veces excesivo), a súa frialdade, a súa exasperante obxectividade, o seu ton sombrío incluso, mantén unha estreita relación co estilo do escritor.

Laconismo, obxectividade e ton sombrío son, en efecto, as principais características da longametraxe realizade por Louis Malle, empeñado nesta ocasión en narrar sen compracencia algunha a outra realidade dos días da Francia ocupada, o seu lado escuro: a conduta dos franceses que colaboraron cos nazis. Para elo, Malle e Modiano sérvense dun personaxe adolescente, Lucien Lacombe, túzaro, rústico e cargado de violencia. O risco de Malle e Modiano é dobre: ambos tratan de afondar nunha realidade histórica molesta, pero non por iso menos verdadeira. E ambos acadan unha película emotiva e eticamente bastante seria.

Te puede interesar