Opinión

Lambido como unha vaca marela

O sol acochaba polo outeiro de Brandín e Gervasio Matamá Ribadeo saíu da casa coma se o lambese unha vaca marela. Ía máis peiteado que unha estrela de cine. Claro que o fillo da Ramona, A Peseta, e de Olegario, O Peso, saía sempre moi peiteado, ata cando ía coas vacas para o monte. A ver, era presumido, e punto. A Gervasio Matamá Ribadeo chamábanlle… como lle ían chamar: O Lambido. Colleu pola rúa da Igrexa abaixo e acabou sentando entre catro mozas que estaban á beira da burga de Baños de Molgas. O Lambido non era parvo. Antes das mozas estaban de parola dous amigos, ben amigos, seus; pero o moi carallán liscou para xunto as mozas. Ó sentar pasou aquela súa man dereita pola cabeza e amosoulle un sorriso quilométrico ás mozas. Unha das mozas, a filla de Sagrario, muller de Sebastián, O Toupeiro, non se cortou un carallo cando lle soltou que estaba máis lambido que unha vaca marela. Gervasio fixo oídos xordos e arrimou a súa nádega esquerda á nádega dereita da moza. Quieto parado, Lambido, quieto parado; non te me aceleres!, recriminouna a filla de Sagrario. Ó Lambido non lle quedou outra que achegarse ós dous amigos.

Te puede interesar