Opinión

Entre lobos

Bailo entre lobos no recanto dun soño, mentres nas fontes da Portela brota a auga para saciar a sede dunha doniña sinxela. Canso de bailar, sento entre os lobos e deixo que se acheguen a min. Si, co rabo entre as pernas, pero cos latexos dos seus corazóns bulindo por cada instante da miña saudade. Quero ser o gran xefe da súa manda, mais chégame con contemplar as súas olladas para saber que eu, entre eles, non pinto nada. Non obstante, ulíscanme e lápanme. Ergo e paso a miña man dereita por cada lobo que está ó meu arredor. Sinto o contacto, sinto a nostalxia e vexo pasar o tempo por entre os dedos da miña memoria. Todos eles sentan e, pouco a pouco, adormecen sobre as herbas verdes dunhas horas que non volverán. Bailo entre lobos nunha tarde de silencio e deixo que cada un deles se refregue contra as miñas pernas. Oxalá se deteña o tempo! Pero meto os dedos na boca, asubío e marchan por Sudalomba arriba. Regreso para Baños de Molgas.

Te puede interesar