Opinión

Máis alá do propio substantivo

Xa pode rebentar o mundo politicamente falando, que non penso escribir hoxe sobre corruptos. Xa poden estoupar os pavillóns deportivamente falando, que non penso escribir sobre a mundial de baloncesto. Hoxe toca o gran evento, o gran acontecemento que se iniciou o pasado sábado no concello de Baños de Molgas, a Novena dos Milagros. Poida que para moitos lectores deste xornal o de gran acontecemento lles resulta demasiado grande, demasiado pomposo. Pero para os que somos da contorna de Molgas aínda é algo máis que gran acontecemento, é algo que case non ten nome, ou se o ten chega con dicir: as Novenas, a secas. Con dicir as Novenas chega para que un sentimento (aínda que non se sexa católico ou relixioso) se instale na ansiedade desa persoa que está desexando que chegue o día 30 de agosto. E así ano tras ano. Para uns, dicir Novenas é dicir Rosario das Antorchas o día 7 pola noite. Para outros, é dicir o día 8 (tamén así de simple: día 8, e non día da Virxe, ou día grande, etc.). Para uns cantos máis, é dicir as ceas nos toldos ou o xantar do día 8 por entre os piñeiros. Mais para a gran maioría da xente da comarca, dicir as Novenas é soñar co desexo duns días nos que a vida nos cambia un chisco ou un moito pola devoción a un lugar, a un santuario, a unha Virxe, a un acontecemento que vai máis alá do propio substantivo.

Te puede interesar