Opinión

Maldito gromo de carrouchos!

Déitome na nube negra do conto máis escuro. Quero soñar co raio de sol dunha novela nunca escrita, pero a apocalipse sorrí por entre as escenas dunha obra teatral. A vida é toda un teatro. Teatro burlesco, pero teatro. A vida déitase no xergón das gaiolas de ferro, mentres a liberdade se engruña no recanto máis negro. Quero upar un cachiño de esperanza, mais pesa coma unha pedra labrada. Non é fácil acadar un soneto no que os seus versos rimen cun silencio eterno. Ó mellor é porque a alma dalgúns é negra. Corro sobre o ruxerruxe dun carballo. Tan só as pegas rompen o silencio e as doniñas acóchanse por entre as silveiras da indiferenza. A vida é un toco escuro no que o medo afoga os latexos dun poema que nunca se escribirá. Quen vai escribir dereito cando todos os regos están torcidos! Xa ves, aí está: tinta negra derramada sobre un guión que ninguén quere rodar. Tan só queda esperar en silencio e rezar para que a sociedade esperte. Para que, polo menos, uns cantos berren. E que berren forte por unha vida que nos queren asfixiar.

Te puede interesar