Opinión

Melar o ollo

Xusto cando o sol semella que se acocha pola Rabaxoá, Anxo Soliño Enganado sae da súa casa do barrio da igrexa todo amañadiño e marcha para o mazadoiro da burga. Alí sabe que xa estará coas súas amigas Ana Malvido Peneda, á que leva un tempo xa melándolle os ollos. Sempre, cando está con ela ou cando está preto dela (ás veces ela ponlle cara de ferreiro e, entón, nin se lle acerca) dedícase a facer parvadas e, tamén, a rir as dela. Porque Anxo Soliño anda a melarlle o ollo todo o día. Babexa por ela. Ela é a filla de Ludmila, A Pañoletas, e din que é a máis guapa de todo Baños de Molgas. El é fillo de Mauricio, O Sedeño, e din que é o máis leliño de toda a vila. Esta vila, como todas as vilas, ten para dar e tomar. Anxo Soliño quere tomar dunha vez por todas a Ana Malvido, pero esta nin arre nin xo. Rille as grazas porque lle dá pena, pero de aí a ir un pouco máis alá, que nin o soñe! A filla da Poñoletas é moi guapa pero ten o seu xenio. O fillo do Sedeño anda a melarlle o ollo todo o día. Pobriño. E baixa todos os luscofusco para o mazadoiro da burga tan só para melarlle o ollo. Máis alá non vai nin o deixan ir. Pobriño, de novo.

Te puede interesar