Opinión

Mellor unha de Marcial Lafuente Estefanía

"Patria”, de Fernando Aramburu. 642 páxinas. Cando estaba lendo na 175 chega unha mensaxe ó móbil de que ó día seguinte vence o prazo de préstamo. Eu tranquilo, xa o sabía. O día seguinte quixen renovalo e, zas, está reservado. Non podo renovalo. Imposible rematalo. O compañeiro díxome que me deixaba o del cando o acabase. Pois vale. Pero, que carallo!, a ver se me dá tempo. Quedan case 500 páxinas, pero...  Pero nunca lera tanto na miña vida. Ata vin o Xetafe-Celta sen voz (só lla daba cando o Xetafe meteu os tres goles). Tiven que rematar o libro en menos dun día porque, o día da entrega, para máis caralladas, tocaba meterlle esterco á viña. Acabeino pero tamén acabei coa cabeza coma un bombo. E total para que?; se o que me contou Aramburu en 642 páxinas contábamo Marcial Lafuente Estefanía en tan só 96 nas súas noveliñas do Oeste, cando escribía, por exemplo, sobre o conflito entre os gandeiros e os ovelleiros. Así de simple, pois a de Aramburu, pódese dicir, é tal cal. Non explico nada máis a causa daqueles que aínda o queren ler. Sinceramente, esperaba unha análise moito máis profunda tocando o tema que toca. Para un servidor, demasiado bombo a unha novela moi voluminosa e moi simple.

Te puede interesar