Opinión

Melosa trapallada

En 1949, George Cukor dirixiu ós históricos Spencer Tracy e Katharine Hepburn en “A costela de Adán”, espléndida comedia centrada na loita de sexos e, máis concretamente, na loita dun matrimonio de avogados que se ven enfrontados no mesmo caso. Peter Howitt, director de tantos ó que coñeciamos pola frustrada “Dúas vidas nun instante”, intentou recuperar o espírito daquela gran película en “Ata que a lei nos separe” (2004), na que Pierce Brosnan demostra máis dotes para a comedia que a demasiado estirada e algo perdida Julianne Moore, e dóeme dicilo porque sempre sentín un chisquiño de debilidade por ela.

Os truques e retruques dos divorcios, e sobre todo as súas millonarias indemnizacións, ocupan a trama da película, da que hai que afirmar que non ten practicamente ningún momento de brillantez, pero da que tamén se pode dicir que non posúe escena algunha de vergonza allea. As conversacións teñen bo ritmo e a banda sonora de Ed Shearmur é excelente. Non obstante, parece mentira como os nada menos que cinco guionistas non souberon mostrar de onde nacen os amores dos personaxes de Brosnan e Moore.

Namóranse porque é un elemento base para a alta comedia romántica, pero non porque se demostre en ningún momento. Vale que o amor é inexplicable, pero aquí ás veces semella incluso invisible. Ademais, só parte das tramas secundarias funcionan como deberían. Así, mentres as da nai de Julianne Moore teñen bos momentos, a protagonizada por Parker Posey e o cantante de rock é unha completa parvada.

“Ata que a lei nos separe” quere emular o duelo clásico do Tracy e da Hepburn, pero aquí todo é tan de a pé, tan inane, que pensar na comparación ata dá un pouco de risa. Película realmente sosa, irregularmente divertida e en xeral unha simple comedia romántica. Tan simple que en cada escena que ves, en cada minuto que pasa, o pensamento tan só se che vai a querer ver unha e outra vez “A costela de Adán”. Non se pode dicir que a película decaia, porque xa desde o primeiro minuto se aprecia que iso vai ser unha melosa trapallada romántica.

Te puede interesar