Mestura de ingredientes

Mestura de ingredientes

O obxectivo da inmensa maioría das producións cinematográficas é chegar a un sector do público o máis amplo posible. Non obstante, cando esa meta se pretende acadar a través da mestura de ingredientes que chocan como a auga e o aceite, o resultado sempre se deixa notar.

Os responsables de “Os pais del” quixeron reunir nos cines onde se proxecta a súa película ó público que busca a gargallada fácil e o humor máis besta, máis desvergonzado, ó amante da comedia de cor branca cun toque romántico e ó espectador que busca un humor supostamente máis intelixente. Semella que o lograron... en Estados Unidos.

Jay Roach, director da primeira entrega (“Os pais  á dela”) e da serie “Austin Powers”, e Ben Stiller, o cómico de moda en medio mundo a principios deste século, son os encargados de aportar os ingredientes necesarios para enganchar ó público máis barulleiro, ese que segue pensando que “Algo pasa con Mary” é unha obra mestra da comedia. Mentres que as fichaxes de Dustin Hoffman e a Cacho Señora Dona Barbra Streisand, unidos a Robert De Niro, teñen como propósito encandear ou asombrar ó espectador máis adulto.

Emporiso, a excesiva amabilidade das escenas protagonizadas pola Streisand ou as cancións de clásico musical americano que acompañan ás transicións entre secuencias danse de fociños co absurdo “cameo” de Owen Wilson e co Ben Stiller máis sobreactuado, que é case sempre. De modo que resulta imposible pasar dun gag de corte radical como o do can atascado no váter a outro tan facilón como o do partido de fútbol americano sen que se resintan as neuronas.

A relativa novidade da primeira entrega pasou a mellor vida, pero, a pesar diso, as secuencias que mellor seguen funcionando son as que explotan a incompatibilidade entre o sogro De Niro e o xenro Stiller. Pola contra, desaproveitouse a oportunidade de indagar na comicidade do contraste político entre as dúas Américas, representadas polo liberal a morte que encarna Dustin Hoffman e o ex espía da CIA que interpreta Robert De Niro.