Opinión

Metáfora do mundo

Para Jean-Luc Godard o cine é unha metáfora do mundo. Segundo el, “todo é imaxe, no máis amplo sentido da palabra”. “A cámara é coma un microscopio que pode ver o infinitamente pequeno ou un telescopio que percibe o infinitamente distante”, adoitaba dicir. Non obstante, o cine axiña se mesturou coa arte e co comercio. Entrou en xogo a produción e a distribución e, dalgunha maneira, perdeuse a súa pureza orixinal, unha integridade que el, emporiso, perseguiu sempre en cada unha das súas películas.
Jean-Luc Godard é un director e guionista francés de ascendencia suíza. Naceu en París o 3 de decembro de 1930 no seo dunha familia acomodada, sendo o seu pai médico e a súa nai filla de banqueiros. Un dos seus antepasados foi o teólogo do século XIX Adolphe Monod.
En tempos da Segunda Guerra Mundial a súa familia trasladouse a Suíza, país no que Godard viviu parte da súa xuventude e adquiriu a dobre nacionalidade. A finais dos anos 40 volveu a Francia para intentar cursar estudos universitarios. Durante estes anos e grazas ás súas constantes visitas á Cinemateca, iniciou amizade con outros futuros cineastas como Truffaut, Rohmer e Jacques Rivette. Con estes, e xunto a outros nomes como Chabrol ou Resnais, Godard formaría parte da famosa Nouvelle Vague, máis seguro que a xeración máis importante que deu Europa en toda a súa historia. Tamén nesta época empezou a traballar como crítico cinematográfico en varias revistas, das que destaca Cahiers du Cinéma, nas que usaba o alcume de Hans Lucas.

Cando morreu a súa nai en 1954, volveu de novo a Suíza onde traballou de albanel, feito que lle serviu como argumento ó seu primeiro documental, “Operación Béton”. Ó regresar a París, e mentres seguía exercendo de crítico, rodou dúas curtametraxes. Ata que no verán de 1959 comezou a rodaxe da súa primeira longametraxe, “Al final de la escapada”, sobre un guión de François Truffaut e coa colaboración de Claude Chabrol. A película, interpretada por Jean-Paul Belmondo e Jean Seberg, supuxo unha revolución na maneira de filmar. Pódese dicir que a partir de aí empezou unha nova etapa na cinematografía mundial.

Te puede interesar