Opinión

Miradas

Quita de aí esa carauta que che tapa, que che oculta a cara. Quero verche os ollos, porque nos ollos é onde está escrita a novela da túa vida. Din que os ollos son o reflexo da alma. Case que si. Porque toda lectura está nas miradas. Hai miradas que matan. Hai miradas preñadas de versos que van moito máis alá do propio poema. Hai miradas flegmáticas e tristes. Hai miradas alegres e rexoubeiras. Non me gusta a xente que cobre os ollos con gafas escuras! Todo está nunha ollada! Nunha simple ollada. Hai miradas que ispen. E tamén as hai que te abrigan. Certo, son as menos. Hai miradas incluso que ven moito máis alá do propio pensamento. E aínda que a distancia sexa eterna, alá, ó final, na meta, está o guión que pode desenvolver a túa vida. Está a meta! Hai miradas que viaxan en avión e, ó mesmo tempo, goldran o río Arnoia. Chega con que vexas o que queres ver. Hai miradas que soben no ascensor da túa ansiedade porque ves incluso o que non consegues ver. Hai miradas que o tempo non borra, que se fixaron, que asentaron nun pequeno punto, e no transcorrer dos días, este volveuse todo un universo redondo. Hai miradas que sempre serán eternas. Hai miradas que de tanto mirar, cansan. Descansemos.

Te puede interesar