Opinión

Momentos para todo

Cómpre o tempo. De facer cousas antes de ver a típica película noitébrega. É que ata agora estiven lendo para poder rematar co libro "Todo canto fomos", do escritor morañés Xosé Monteagudo. Foron 523 páxinas que me gustaron moito. A verdade é que non me esperaba atoparme cun libro así. A novela percorre máis dun século da historia galega cuns acontecementos que enganchan.

E xa teño sobre a mesa "A festa do Chivo", do premio Nobel Mario Vargas Llosa que me deixou o meu compañeiro. Non empezo xa a lelo polo dito: porque me cómpre o tempo para escribir este relatiño e así poder ver a película da tele. Canto me gusta ler e ver cine! E iso que son futboleiro, moi futboleiro. Polo que sigo insistindo que o fútbol non ten por que amoucar á cultura, non ten por que apaiolar, idiotizar o intelecto ou o raciocinio.

Se organizamos ben o tempo, temos ocasións, momentos para todo; para comungar de cando en vez coa "masa" e para darlle estopa ás palabras cultas e ás imaxes gratificantes.

Te puede interesar