Opinión

Na película dos soños

Ai silencio, que non fas ruído! Ai penedo, que escribes a historia dunhas tardes de cando os asubíos eran cartas para o can que tornaba as vacas e de cando as cancións brotaban nunha noite pecha... para domar o medo. Ai remedio, que xa non ten remedio! Nin tan sequera a broulla, o abrocho do repolo se libra da ruta que vai da leira ó cesto e do traballo á fartura. Quere o silencio ser niño de cuco e que o ruído se desborde polas canles da indiferenza. Pero ninguén pensa que unha infancia volverá. A infancia, agora, tan só serve para recordala. Ou non.

Algúns deixan que morra. Ai tempo, que corres pola pista dunha cociña de ferro. E nela ferven as ideas entre os catro puntos cardinais dunha vida que aínda se está a facer. Non todas as ideas verten para o mesmo río e non todos os ríos van dar ó mar. Ai sorriso, que te quedas conxelado nuns beizos fríos por culpa dun bombardeo escrito polo espírito maligno dun esperpento. Queda o tempo amoucado na película dos soños. Queda o silencio tratando de convencer ó ruído.

Te puede interesar