Opinión

Con naturaleza maligna

O que é de agradecer en "Hellboy" (2004) é que, aínda que se basea nun cómic de superheroes, saiba evadirse, liscar dos esgotados Spidermans e Batmans presentando, finalmente, unha historia realmente nova que non se limita a mostrar meramente cómo o heroe se converte en superheroe e cómo esmaga ó maligno correspondente, esquema que, con pequenas variantes, é a base das numerosas películas de humanos con superpoderes que nos están chegando continuamente. Claro que, parte deste mérito non é unicamente do realizador mexicano Guillermo del Toro, que consegue poñer en pé un proxecto co que soñou desde facía décadas, senón tamén do debuxante Mike Mignola que, co seu libro gráfico, soubo colocarse nunha galaxia bastante afastada dos esquemas ó uso.

O inicio de "Hellboy" é apaixoante. Entróncase na historia e relátanos unha operación segreda dos nazis durante a Segunda Guerra Mundial, un experimento no que un tarado Rasputín, amigo das SS, trae ó mundo a un auténtico diaño, que será o prólogo dunha inminente apocalipse. Pero os aliados fanse coa criatura, un bebé vermello máis feo có pecado, con cornos e con moi mala uva, que acabará reeducado como un fedello ó servizo dos bos.

Criado no I.I.P.D., uns instituo de "freakis" defensores do planeta (bastante semellante á escola dos X-Men), Hellboy, xa adulto e fanfurriñeiro ( a verdade é que Ron Perlman acada o papel da súa vida), é a estrela grazas á súa natureza maligna. Pero Rasputín non está acabado e necesita que o rapaz do inferno se pase de novo ó lado escuro.

Guillermo del Toro consegue un filme moi entreteñido e mellor realizado, con verdadeiros achados narrativos e formais, aínda que no bloque final, inevitablemente, caia nas loitas típicas con dispendio de efectos especiais. A galería dos secundarios é bastante notable, destacando, por suposto, os rariños.

Catro anos máis tarde faríase unha segunda parte, "Hellboy 2: O exército dourado", que non desmerece para nada da primeira. Vese que Del Toro estaba no seu mundo.

Te puede interesar