Opinión

Nin comedia nin tristura

Alfie” (2004), versión ou adaptación da cinta dirixida en 1966 por Lewis Gilbert e protagonizada por Michael Caine, reincide no diagnóstico. Onde alí había sofisticación, aquí hai certo refluxo chocalleiro; onde había sutileza, agora hai unha rareza explícita; onde negrura, afectación ou simplemente unha parvada.

Charles Shyer, familiarizado xa co mundo das copias ou adaptacións tras dirixir as novas versións de “O pai da noiva” e a súa secuela en 1991 e 1995, regresa ó universo do chulo por excelencia que representa “Alfie”. Un atractivo home frío como o xeo, irrespectuoso, aproveitado, parasito, sempre escondido na súa propia máscara de ligón profesional e fuxitivo cando as cousas se poñen feas, é dicir, cando a palabra amor anda á espreita. Shyer, como Gilbert, utiliza a técnica dos monólogos do protagonista mirando a cámara e dirixíndose directamente ó espectador, unha fórmula que funciona grazas ó talento interpretativo e ó evidente poder de atracción que demostra Jude Law. Emporiso, os novos recursos utilizados por Charles Shyer naufragan sen remedio, como eses charramangueiros enxertos con tetas e cus (de muller, faltaría máis) en primeirísimo plano para ilustrar certas frases do protagonista, os penosos conxelados de imaxe ou as gratuítas particións de pantalla.

Ademais, cando na segunda metade da historia Alfie experimenta un pavoroso afundimento persoal que deixará algo confundidos ós que busquen unha comedia romántica para pasar o tempo, Shyer agárrase á tristeza demasiado doce en lugar de tirarse do trampolín da negrura como facía Lewis Gilbert no filme orixinal. Sirvan de exemplo disto último a moito máis mexeriqueira secuencia do aborto e a intromisión dunha das cancións de Mick Jagger e Dave Stewart (tan boas como mal utilizadas) no doloroso momento do pranto no coche.

Resumindo, que “Alfie” penso que se fixo para entreter, para pasar medianamente ben unha tarde domingueira, pero por desgraza o filme non alcanza a suficiente calidade como para chegarlle só que fose o calcañar da orixinal, é dicir, que mellor se estaría vendo fútbol, por exemplo.

Te puede interesar