Nin con mollo de tomate

Nin con mollo de tomate

Xabier Covelo Canda sentou á sombra dun canastro da Aira de Arriba, acendeu un cigarro e pensou na herba seca que tiña tendida no lameiro do Río Vello. Ó pouco viu como se achegaba Zacarías Cochón, ó que lle chamaban O Raquítico. Zacarías levaba na manda dereita un saco que pousou á beira de Xabier. Isto é para ti, soltoulle de súpeto. Xabier Covelo, O Revirado, mirou para el e moneou a cabeza en plan negativo. Sabía que O Raquítico lle estaba a ofrecer un agasallo porque hai tres días axudoulle a carrexar na herba que tiña nos Lamas e cando o tempo ameazaba chuvia. O Revirado non quixo nin con mollo de tomate o que levase dentro do saco. De ningunha maneira. O seu alcume non cadraba para nada coa súa personalidade. El era un home legal e cando había que botar unha man, botaba unha man. Noutras ocasións foi Zacarías o que o axudou e nunca lle levou nada. Hai leis, costumes e sentenzas nas vilas que non precisan de ningún papel. Ás veces chega cun chocar de mans e ás veces cunhas simples olladas ou palabras. Non querer nin con mollo de tomate case se pode dicir que é o lema de Xabier Covelo Canda, O Revirado, que de revirado non ten nada. O Raquítico deulle as grazas, colleu o saco e marchou para a súa casa. Xabier apagou o cigarro, deixou a sombra do canastro e tamén marchou.