Opinión

Un nó de angustia e xenreira

Desde hai moitos anos ou o que é o mesmo, desde que os fillos se apoderan da vida de cada un, non volvín ver "o parte" ou "as noticias" en condicións. Porque, ante a mesa (enténdese que os telexornais proxéctanse máis ou menos nas horas de xantar e cear), eles foron e aínda son os donos e señores do mando a distancia. E tamén se entende que como cativos e como adolescentes, para eles, as noticias nin fu nin mu. Así é que de moitas cousas non me decato. Perdón, non as vexo; xa que os xornais si os leo todos os días. Non obstante, o outro día mentres tomaba o primeiro café da mañá cheguei a ver e a oír a testemuña dunha muller maltratada. Neses momentos estaba lendo precisamente este xornal e non me quedou outra que erguer a cabeza, poñer os anteollos e escoitar a terrible declaración dunha muller á que case non se lle entendía nada por culpa dos saloucos que deixaba escapar.

De verdade que se me puxeron os pelos de espeto e un nó de angustia e xenreira subiu ata a gorxa. Logo, deuse a casualidade que á media mañá volvín ver e escoitar a noticia noutra televisión. E,o que son as coincidencias, volvín a escoitar eses saloucos, eses terribles choros ás tres e pico da tarde nun café de Baños de Molgas. En cada unha das veces, e como se adoita dicir, puxéronseme de gravata. Como serían os maltratos que non lle quedou outra que tirarse por la ventá, quedar parapléxica e o malnacido a seguir mallando nela porque non se movía. Para unha vez que vexo a televisión (ás noites só atendo ás películas), vexo o que non debería ver en tal cantidade. Oxalá non volva presenciar nin escoitar outra noticia desta índole. E oxalá, por suposto, ese malnacido, ese infame, ese levado do demo pague polo que fixo.

Te puede interesar