Opinión

Un nó na gorxa

Así, da man para o pé, o primeiro que se me vén á cabeza é o accidente de aviación do club de fútbol Chapecoense. Unha auténtica traxedia. Rabia. Dor. Desconsolo. Despois chega a emoción. Si, ó principio, ó decatarte da noticia pensas na desgraza, pero despois, horas despois, cando xa empezan as declaracións, as homenaxes é cando realmente se che pon un nó na gorxa e cando as bágoas queren asomar ós ollos. E asoman. Polo menos a este molgués. Sempre fun un sentimental, e a idade estame a poñer peor.

Foi ler ou escoitar (xa non lembro ben) ó capitán do equipo rival co que ía xogar o Chapecoense declarando que se lle dese o camiponato ó equipo brasileiro para, zas, os meus ollos converterse en algo así coma nun val de lágrimas. Foi ler ou escoitar que equipos arxentinos lles cedían xogadores ó Chapecoense (e, coidadiño!, lembremos a rivalidade existente entre arxentinos e brasileiros, futbolisticamente falando) para que os ollos deste molgués, dálle que dálle, algo así como a lagoa de Almoite. Foi ver as homenaxes dos equipos de fútbol de todo o mundo, cos seus minutos de silencio ou cos seus aplausos interminables, para que os ollos deste paisano que escribe, pobriño, se inundasen como a lagoa da Antela.

Case dá un pouco de vergonza confesar este sentimentalismo practicamente senil, pero, que queredes, aínda o prefiro ante a suba de impostos e a evasión fiscal de 150 millóns de euros do "gran" Cristiano Ronaldo. Por iso creo que acabo de contribuír un chisco á gran homenaxe a esas vítimas do desastre aéreo. Coas miñas bágoas, con este escrito e co meu máis sincero recordo ou sentimentalismo. Descansen en paz.

Te puede interesar