Non extingamos as chocas

Non extingamos as chocas

Están a matarnos a nostalxia. Aquela nostalxia das chocas ou esquilas das vacas. A choca era un aviso de onde estaba o animal. Cada esquila tiña o seu son. E por esta sabías que vaca andaba en tal ou cal lugar, cal tornaba as moscas ou cal se rañaba contra un carballo. Agora, maldito tempo!, queren poñerlles GPS ás vacas, ás nosas vacas! Queren poñerlles unha coleira con localización vía satélite. Maldita sexa, co bonito que era o son das chocas. Xa podía  a Turina meterse por entre as silveiras da Tapada Nova que grazas á súa esquila sabía onde estaba e que facía. Xa podía a Garbosa lamberse debaixo do rabo que polo son das chocas sabía o que estaba  a facer. Agora, maldita sexa, tangues as vacas co móbil e en vez de chamalas polo nome mandas un SMS ou un guasap para que o GPS actúe. Están a matarnos a nostalxia. Co bonito que é diferenciar unha choca propia coa esquila do veciño. Co bonito que é intuír que aquel son que se oe ó lonxe, moi lonxe, é o da choca da Cereixa e non o da Marquesa de Filemón, O Piollo. Agora chamas a Silabario, O Rato, para que conecte o seu móbil e busque polo GPS a súa Nuvela, que semella que é a que está mesturada coas túas alá por Detrás da Lomba. Por Deus bendito, non extingamos as chocas!