Opinión

O que non mata, engorda

Cae o mosquito no prato do caldo. Honorato Sondaxe Sonda afúndeo no líquido abrasante. O que non mata, engorda. E segue mirando a película “Blade Runner” sen pestanexar. O caldo fumega. Honorato súa. Non sabemos se pola fervura da sustancia ou se pola angustia claustrofóbica da película. A muller quere dicirlle algo, mais ó velo tan concentrado (mascando no caldo e contemplando o filme de Ridley Scott), non se atreve. Honorato Sondaxe Sonda ten arranques violentos. A súa dona sábeo. Pero tamén sabe como domalo. Niso, ata o home recoñece, á fin, que quen leva os pantalóns postos na casa é ela. Por moito que el lle berre ou por moito que se alporice. Polas verzas do caldo asoma outro mosquito máis. Morto, escaldado. E comido, como non. Por Honorato Sondaxe Sonda que volveu afundilo para non o ver. Ollos que non ven, corazón que non sente. Honorato sorrí ante os seus propios pensamentos. Que lle roldará pola cabeza, pensa a súa muller. Porén, non di nada e deixa que o seu marido siga ó seu, ou sexa, a comer sen sentir e a ver a Rutger Hauer.

Te puede interesar