Non poder co cu

Na distancia, un burro ornea. Rafael Buxán de la Torre sabe de quen é o burro. Coñece ós burros todos da vila pola forma en que ornean. O que está a escoitar é de Sabas Arabia, O Rañado. Pero non se dignou a levantarse para saber onde anda o animal. Rafael Buxán de la Torre non pode co cu. Pola mañá fora cavar as patacas ó Xeixal e non aguanta os cadrís. Así é que segue sentado á beira da fonte e deixa que o orneo do burro do Rañado o leve pouco a pouco ó mundo dos soños. Rafael topenea. Case dá contra a parede da fonte. Sorrí ante a apurada. Pensa en levantarse para axudarlle un pouco á súa dona, A Latriqueira. Claro que el só pensa no alcume; nin se lle pasa pola imaxinación chamarlle así. É capaz de botalo da casa. A Faltriqueira, a súa dona, en realidade chámase Hadriana (con hache, como di el e como di ela) Vilamelle Melliza. Digo que pensa en levantarse pero el mesmo se dá conta de que non pode co cu. Pensa nas patacas do Xeixal, pensa na aixada coa que as cavou e pensa na mala sorte que tivo e que ten nesta vida. “Isto é por culpa de nacer e de ser pobre”, di incluso en voz alta. E cos seus pensamentos, Rafael Buxán segue sentado no mazadoiro da fonte. Non pode co cu e non se levanta.