Opinión

Non queda outra que emigrar

Case se pode dicir que non tardou nin un suspiro. En deixala caer. A bomba. Donald Trump lanzou en Afganistán a bomba non nuclear máis potente do mundo. Non nuclear. Pero bomba. Que estoura. Que rebenta. Que esboura. Que escachifa. Que desfai. Non obstante, aquí paz e despois gloria, ou sexa, morra o conto. Para que dicir nada. Se son islamistas, musulmáns, mongoloides, outra raza. Que non é a nosa. Que non son persoas, que son coma animais. Ós animais xa se sabe que se lles dá paus a esgalla, a darlle cun sacho. Rosmades por un misil de nada... tomade artefacto! E tampouco unha bomba calquera; a máis potente. Para que non haxa enganos. O dito: aquí paz e despois gloria.

Ante este panorama non me queda outra que emigrar. E vaia se vou emigrar! Agora xa teño onde vivir. Está lonxe, pero é igual; hai moito tempo xa que me sinto astronauta. Resulta que Encelado, unha lúa do planeta Xúpiter, seica reúne os ingredientes necesarios para a vida. Rapidiño e correndo: marcho porque teño que marchar. É que xa me vexo noutra dimensión. Alá, no espazo sideral, onde reina o silencio (espero) e onde non haberá guerras (a non ser que xa haxa humanos). Que gozada verme alá! Aínda que este Donald Trump, non sei, non sei; se sabe que me vou para alá, seguro que apunta un foguete espacial para dicirme que onde hai patrón non manda mariñeiro. E o que vaia no foguete será para collelle medo. Trump non se anda con bagatelas, con prosmadas. Se hai que lanzala, lánzase.

Te puede interesar