Opinión

O que non rouba... atraca ou estafa

Algúns ata estarán pensando que a xustiza funciona por fin no caso de Ángel María Villar, o presidente da Federación Española de Fútbol. É certo que semella que funciona. Pero faino moi lentamente. Porque, a ver!, non hai que ser un lince para intuír e incluso saber que este home e os seus adláteres xa deberían estar no cárcere hai moitos pero que moitos anos. Non sei, pero imaxino á Federación como unha mafia que leva aí moitos anos instalada e que non hai quen lle meta man. Baixo este prisma, chego á conclusión de que no noso país o que non corre, voa. Moitas institucións, e non digamos xa os personaxes que manexan ou mandan nesas insttitucións, andan a ver quen mete máis man nos petos dos españois. Porque, claro, todo sae de nós. Aquí, o que non rouba... atraca ou estafa. Cada vez estou máis convencido de que "ben burriño son!". Porque non sei roubar. Aínda que queira non sei roubar. E cada vez está máis demostrado que a maioría dos que soben ó poder, a calquera poder, fan uso deste para conseguir máis e máis. E desde que o mundo é mundo, o poder acadouse segundo o poder adquisitivo de cada un, segundo os cartos. Cóntanse cos dedos das mans os que se fan ricos traballando. Eu traballo incluso algúns domingos e nin por esas. Quero ser ladrón para ser rico! Pero non sei roubar. Se lle meto man a algo, seguro que me pillan ó momento.

A día de hoxe xa se sabe bastante das falcatruadas que cometeu Villar e "os seus cadeliños". Pero eu aínda lle teño máis medo ó que non se sabe. O mesmo, o mesmo que na política, que na corrupción política: que tan só sabemos algo. É triste dicilo, pero hai que repetilo unha e outra vez: vivimos nun país totalmente corrupto. Totalmente. En todos os estamentos... políticos, deportivos, culturais, sociais, provinciais, autonómicos, estatais, infernais, celestiais e o día que nos instalemos na lúa, lunáticos.

Te puede interesar