Nos descansos das cavaduras

Nos descansos das cavaduras

A semana pasada chegou unha única noticia para revolucionar o panorama político español, e todos os medios de comunicación botaron fume dunha maneira ou doutra para explicarnos, primeiro, a moción de censura e, despois, a confirmación da moción de censura. Pero por que vou falar eu do presidente saínte e do presidente entrante. Se nin Mariano Rajoy nin Pedro Sánchez son quen nin foron quen de me axudar a cavar as patacas. A que me afecta a min o cambio? A que lle afecta á agricultura? Se todos sabemos que, con uns e con outros, este sector primario nunca estivo ben visto. É máis, sempre foi de mal en peor. Non obstante, vou aproveitar as patacas para explicar un chisco un “pensamento filosófico” que tiven nun dos descansiños que realizaba por culpa do sol que apertaba e dos riles que doían de carallo. Nun deses respiros saquei de móbil e dispareille fotos a todo o que se movía. E foi alí cando unha “chispa de intelixencia” brillou no meu cerebro. 

Que antigamente, cando andabamos cavando nas patacas, e cando descansabamos, o normal era que lle fumaras un cigarro ou, aquel que non fumaba ou non podía fumar (por idade e tendo presentes ós pais), que foses “baixar o pantalón”. Pero hoxe en día, como cambiou o asunto, en vez de matar o tempo de descanso fumando (porque é verdade que hai menos fumadores), sacámonos de móbil e disparamos. Que tempos! Si, tempos aqueles nos que un asubío era o guasap de chamada a xantar, por exemplo. Os asubíos non estaban destinados tan só ós cans. Había asubíos “humanos” que sabías moi ben de onde procedían, de quen procedían e para que se asubiaba. Chegaba con xuntar os beizos e asubiar. Agora tes que sacar un móbil, escribir nun teclado anano que che transforma o dedo nun dedo zoupón, e mandar un guasap para avisarte de que chegou a hora de... Sinceramente, onde estea un asubío que se quite todo o demais. 

Ata nos descansos nas cavaduras das patacas asubiabas entre calada e chupadela unha canción ou unha mestura de cancións, cando, agora, non podes asubiar porque tes que ler o que vas escribindo, xa que o dedo zoupeiro mete erros ata a extenuación. Nós si cambiamos a agricultura e non os presidentes saíntes e entrantes. Máis nostálxica a agricultura de antes.