Opinión

Nunha viñeta, todo un artigo

Empezo a ser un fanático das viñetas, dos ilustradores ou deseñadores ou humoristas ou debuxantes gráficos. Cunha simple frase ou con catro ou cinco palabras e un pequeno debuxo, deixan todo un relato, todo un artigo, incluso toda unha noticia. “O español é un idioma vivo que segue creando palabras novas, pero en inglés, naturalmente”. Eu mesmo, intentando escribir máis dun relato sobre a invasión do inglés no idioma castelán, e chega El Roto (Andrés Rabago García) e con esa simple frase déixame en ridículo. Eu, necesitando varios escritos para criticar a Galicia Bilingüe polo temor que eles teñen de que o castelán está en perigo de extinción ante o galego, e eu poñéndolle de exemplo o inglés comendo ó galego e ó castelán; mentres que El Roto con catro palabriñas de nada sentenciou a realidade. Só para o castelán, pero podía moi perfectamente dicir o mesmo para o galego, ou mellor aínda, para os dous xuntos. O Carrabouxo (Xosé Lois González Váquez) cun pequeno xogo de palabras conta toda unha noticia que, ó mellor, ocupou unha páxina enteira dun xornal. Forges (Antonio Fraguas de Pablo) co seu costumismo e modismos léxicos resumía todo un país. Ou Luis Dávila, co que escacho coa risa a causa da súa espectacular linguaxe. Ás veces, cunha viñeta les todo un xornal.

Te puede interesar