Opinión

O burro do Couto

Alí está, sentado á beira do Cortiñeiro e descansando. Porque Tancredo Aramaco Consellero parece o burro do Couto: sempre cargado dun lado para o outro. Desde rapaz. Primeiro os seus propios pais, que o traían de escravo pola media ducia de leiras que tiñan en posesión. Cando lle morreron, foron os propios veciños os que axiña se aproveitaron del; tanto incluso que deixou de ter posesións. E agora semellaba máis ca nunca o burro do Couto: sempre cargado dun lado para o outro. Para subsistir, Tancredo Aramaco, O Rouco, traballaba aquí, rebentaba alá, apandaba cos responsos e aguantaba as bromas. Non lle quedaba outra. Nacera con moita antelación e cun defecto na voz que máis que falar, roncaba. Tal alcume caía de caixón. Pero este era o de menos. O peor foi que, desde un principio, fose polo do nacemento, fose polo seu falar, quedou algo así como apartado de todo, menos, iso si, para recadeiro (mentres foi neno) e para burro de carga (cando o seu corpo valeu para tal mester). E a xente, que cando realmente quere non é parva, viu o filón. Así está agora, contemplando as piscinas de Baños de Molgas nun descansiño, antes de que se converta de novo no burro do Couto: sempre cargado dun lado para o outro. Pobre Rouco!

Te puede interesar