Opinión

O croma de Vlahos

Sen as invencións de Petro Vlahos, como disputar unha carreira de cuadrigas no Coliseo romano, ou danzar con pingüíns, ou fuxir dunha bandada de paxaros furiosos ou viaxar a galaxias moi moi afastadas non sería posible. Co seu invento do croma, Vlahos revolucionou os efectos especiais na moderna cinematografía. Utilizou este técnica por primeira vez durante a rodaxe de “Ben-Hur” (1959) e volvería aplacala en 1964 para facer bailar a Dick Van Dyke xunto a uns pingüíns con traxe de camareiro en “Mary Poppins”. Aínda que realmente, Petro Vlahos tan só refinou un proceso que ideara Lawrence Buttler no que se utilizaba unha pantalla azul (máis tarde sería verde) que permite inserir calquera imaxe no fondo, pondo así o cemento no que se sustentan a maioría dos efectos especiais de películas inmensas, como a primeira triloxía de “La guerra de las galaxias” ou outras grandes producións máis recentes, como poden ser “El señor de los anillos”, “Avatar” ou “La vida de Pí”.

Para todo iso, Vlahos desenvolveu un complicado proceso de laboratorio que involucraba separar as cores azul, verde e vermella antes de combinalas de novo xuntas nunha orde determinada xunto a un sinal externo a incrustar.

O inventor do croma patentou 35 creacións relacionadas co cine. Tras a rodaxe de “Mary Poppins”, Disney mercou a patente por 250.000 dólares e colaborou co inventor noutras dúas películas: “Herbie” e “La bruja novata”. Tamén Hitchcock botaría man da pantalla azul para meterlle o medo no corpo a Tippi Hedren en “Los pájaros”.

A capacidade de innovación de Petro Vlahos valeulle nada menos que cinco Oscar. Pero as súas invencións non se limitaron tan só ó cine. A pequena pantalla tamén se aproveitou delas. Moitas das escenas da serie “Dr. Who” rodáronse fronte a un fondo azul. Os homes do tempo tampouco poderían sinalar as rexións con chuvia, neve ou sol nas súas pantallas imaxinarias sen a axuda do croma. Por isto o recoñeceron cun Emmy especial en 1978. Vlahos nacera en Ratón, Novo México, o 20 de agosto de 1916 e morreu o 10 de febreiro de 2013, á idade de 96 anos. Era fillo de inmigrantes gregos.

Te puede interesar